leoeosseus

domingo, 28 de agosto de 2016

Curiosidades islandesas


Carlos Casares dicía que o que fai distintos aos países non son os grandes monumentos senón os pequenos detalles. En Islandis acontece o mesmo e está cheo de pequenos detalles que abrochan aquí e acolá. Mais nada chegarmos collemos un taxi para ir ao alugueiro de coches e pagamos con tarxeta. Ou sexa, que estivemos os cinco días sen usar a moeda nacional; a coroa islandesa que está a 130 ISK= 1 euro. Tamén foi chegar á primeira guesthouse e tivemos que deixar o calzado na entrada como todo o mundo en todos os hostais nos que estivemos.


Os sinais son orixinais e aquí deixo unha selección.
Este primeiro indica unha piscina de augas termais.


Aquí as nenas son as maiores e non os nenos.


Non coñecía este sinal que proíbe apillar pedras. Este costume está mui extendido e non sei de onde vén.


Un sinal moderno é a proibición de usar drons en granxas privadas como a de Thorvaldseyri, famosa pola erupción do volcán Eyjaftjallajókull.


Un sinal bastante mentireiro é o de área de descanso que case nunca ten árbores e hai veces que non teñen mesas. Iso si, son apartadeiros que teñen paneis informativos muitas veces.


Islandia está chea de cabalos baixotes que unha vez que sain do país non volven entrar para evitar enfermedades. Antes usábannos para todo pero agora serven para levar a turistas por sitios imposibles para veículos.


Tamén hai vacas con ubres inmensos e que dan carne mui boa para hamburguesas. McDonalds e Burger King non están na illa.

Pero as raíñas da illa son as ovellas que están case por todas partes: dende a estrada ata os altos que semellan ovellas montesas. Dan unha la mui boa coa que tecen xerseis e gorros típicos que son carísimos.


No verán o gando come a herba verde e abundante da illa pero no inverno comen a palla envolta en plástico de cores que semellan nubes xigantes dunha tenda de lambonadas.


Ese gando vive libre todo o día e dorme nos cortellos das granxas pola noite.


Muitas desas granxas alugan cuartos para os turistas. Pero algúns buscan opcións curiosas coma a da foto.


Outros máis valentes van a dedo sorrindo o máximo posible. Tamén hai aventureiros que van en bicicleta por esas estradas longas e solitarias desafiando vento e chuvia.
Outros turistas con máis cartos contratan tours ou van con motoneve ou en helicóptero. Islandia é un país mui caro e aprovéitase millor tendo máis cartos.
Pero, bueno, con poucos ou muitos cartos ben merece unha visita.

Etiquetas: ,

1 comentarios:

Ás 28/08/16, 23:29 , Blogger Elvira Carvalho dixo...

Muito interessante.
Um abraço e uma boa semana

 

Publicar un comentario

És humano ti ?

Subscribirse a Publicar comentarios [Atom]

<< Inicio