leoeosseus

luns, 2 de febreiro de 2015

Lampreas, papafigos e sangras


O outro día estivemos a falar das lampreas no taco da noite. Un compañeiro ten unha estacada e montouna hai dez días pero aínda non a estreou coma quen di. Cada estacada ten establecidas noites alternas para pescar e el estivo a traballar de noite o martes e o xoves e o sábado pasado non puideron pescar pola enchente do río e ata tivo que ir recoller as luces da estacada que o río pasaba por riba tal como reflexa a foto feita hoxe e iso que xa baixou o río.
Comentamos curiosidades das lampreas como que nacen e morren no mesmo río e pasan o resto da vida vampirizando outros peixes no mar. Por América do Norte son unha praga, sobre todo nos Grandes Lagos e son gordas pero non valen para comer e cando volven ao río no que naceron deixan de comer. Soben polo río e se erran no camiño volven baixar ata enfiar o camiño correcto. No río onde naceron buscan caveiros ( fondos areosos en augas tranquilas ) onde desovar e acaban morrendo.
De aí saltou a conversa á riqueza que había de paxaros e peixes antes e un compañeiro nomeou o papafigos que non dei mirado eu nunca e tamén falou de que pescaba lampreas e meixóns nunha sangra do Cerquido. Sangra ?; encendéuseme o piloto de palabra descoñecida e preguntei o que era e dixéronme que é unha especie de regato que vai dunha gándara a un río.
E así vai o vello morrendo e vai aprendendo.

Etiquetas: ,

2 comentarios:

Ás 03/02/15, 19:18 , Anonymous peke dixo...

Así vai a vella aprendendo e vai morrendo. A primeira vez que oín ese refrán xa era ben maior e foi a raíz dun roubo que tiveron os donos do primeiro súper que eu coñecín e que se transformara en tenda de delicatessen. Puxeran unhas cestas de Nadal no escaparate, rompéronlle o cristal e levaron o máis caro. O desgusto foi maiúsculo, claro; o home estaba transido e ela, amolada. Cousas da vida e dos amigos do alleo.

 
Ás 05/02/15, 12:14 , Blogger Paz Zeltia dixo...

a lamprea é un bicho ben feo e asqueroso e dá algo de medo. Polo menos no meu imaxinario. Tanta sangue, éche ben gore.
Sin embargo lembreime da anguía, que fai o recorrido ao revés.., e dende que lin a preciosísima "prosa del observatorio" de Cortázar, as anguías son outra cousa máxica do mundo.

Máxico tamén o o papafigos ou picacereixas. A oropéndola en castelán. Eu vino por primeira vez hai dous anos (recollino no blog de pasada)
https://zeltiavertida.wordpress.com/2012/05/22/picacereixas/
dende entón vino varias veces máis, aniña nun bosque de carballos e algúns salgueiros que hai preto da miña casa da aldea

 

Publicar un comentario

És humano ti ?

Subscribirse a Publicar comentarios [Atom]

<< Inicio