leoeosseus

domingo, 28 de novembro de 2010

Matanza 2010

Un ano máis repítese o rito de matar os porcos. Cambiou o matador pero pouco cambia con respecto ao ano pasado. Despóis de matar os animais, queimarlles o pelo e lavalos logo toca almorzar o sangue fritido. O aviso " anda o ghato no porco " fai levantar os homes da mesa que hai que abrir o animal. Ábrese o porco polo medio. Hai que ter cuidado coas tripas do porco para extirparllas e tapónase o cu cun casulo de millo. O matador saca fóra os untos, corta a cacheira, fai uns calcetíns nos xamóns e colgamos o animal polas vides na viga. Así pendurado vacíase do pedro e demáis tripas, saca fóra o bofe, os leviáns e o corazón. Por detrás corta deixando no medio a columna vertebral. Logo van para a mesa as hombreiras e os perniles, o solombo e o lagharto ( seica é a millor parte do porco ) e os touciños coas costelas. Na mesa pícanse os courachos e demáis sobras dos perniles e hombreiras para chourizos e chourizas. O touciño, as cacheiras, o unto, o rabo, as hombreiras e os pernís van para salgar na salghadeira coa salmoura ( sal e cebola ).

No medio de todo este traballo sempre hai tempo para leriar de política e veciñanza, falar dun médico que é un " criminal de guerra ", de que os terroristas non son nada finos que tiñan que " amaestrar paxariños para levar bombas que nadia sospecha dos piscos ". Que para arreglar isto tiña que vir un Franco e un Hitler " un para matar e outro para enterrar ". E que raros son os curas que nunca os ves no centro médico.

De cea hai o típico zarrabullo: fígado, castañas e cotobelos de pasta ( fáltalle o sangue do porco ) e arroz con carroleira ( médula espiñal ).

E así rematou esta labor nada pracenteira.

Etiquetas: , ,

8 comentarios:

Ás 28/11/10, 21:57 , Blogger Unknown dixo...

Non podo escoitar os chiidos do porco. Cando a miña sogra o facía, ese día marchaba da casa e so voltaba a noitiña.

É verdade que despois comía todo, unha cousa non quita a outra,jejeje

Bicos

 
Ás 28/11/10, 22:22 , Blogger ♥ meninheira ♥ dixo...

Es toda unha enciclopedia de etnografía :) Deberías facer un libro con estas cousas, que chegaran a máis xente mas sobretudo que non se perdesen :)

Por certo, é normal que o pequeno escreba as letras "ao revés", non ten nada que ver co que sexa zurdo ou non, é moito máis doado. Para un neno un gato é un gato, tanto se mira para a esquerda como para a dereita verdade? pois pásalles o mesmo coas letras e cos números (menos), xa irá dándose conta que teñen que mirar sempre para un lado.

Biquiños e grazas polo post :* e desculpas por non vir máis, con todo o roio destes días non tiven tempo para nada :(

 
Ás 29/11/10, 09:03 , Blogger Dilaida dixo...

A min o que me molestaba de todo eran o berros que o pobre porco daba antes de morrer e o que tardaba ás veces; menos mal que agora está prohibido matalo co coitelo porque aínda que era todo un rito, non deixaba de ser unha crueldade.
Bicos

 
Ás 29/11/10, 09:53 , Blogger emereci dixo...

Na miña casa toda esta semana... a ver se fago algunha foto e facemos unha comparativa norte - sur ;-)
Bicos

 
Ás 29/11/10, 15:02 , Blogger Paz Zeltia dixo...

Xa botaba eu de menos o post da mantanza!

Desta volta hai palabras que non coñezo. Paréceme moi interesante todo iso da matanza. Pero non puiden evitar tentar porme en ollos alleos, dalgún estranxeiro, e a ser posible dun musulmán, por exemplo,
e ver ese porco tan ben aproveitado,
e esa carnicería (despois tan rica no prato)
e case case se me revolveu un pouco o corpo [e iso que non teño os olores, ai, os olores das tripas, da carne fresca e quente]

 
Ás 29/11/10, 23:06 , Blogger matrioska_verde dixo...

Vaia palabros para decir as cousas do porco, mimadriña, nunca tl oíra. Na miña casa sempre se matou porco hasta fai uns anos (bastantes xa); eu tapaba os oídos para non oír os berros do pobre porquiño. Bicos.

 
Ás 30/11/10, 22:29 , Blogger Alís dixo...

Tamén lembrei agora o tempo das matanzas, da primeira da que fun testigo e case a única na que vin tódolos pasos. Pero contado por ti fíxoseme moito máis real, moito máis presente ese recordo.

Bicos

 
Ás 30/11/10, 22:58 , Blogger Chousa da Alcandra dixo...

Voume criticar: gastronómicamente falando, do porco gústame todo (menos as filloas de sangue); pero da matanza...nadiña!.

Apertas

 

Publicar un comentario

És humano ti ?

Subscribirse a Publicar comentarios [Atom]

<< Inicio